martes, 26 de febrero de 2013

Información


                                                                                                        Circular 444/13

  

A: TODAS AS ANPAS FEDERADAS


ASUNTO: BANCO DE LIBROS E AXUDAS DESTINADAS PARA  SUA ADQUISICIÓN


Estimados e estimadas amigos e amigas:


Aínda que na nosa Comunidade até agora mantivéronse as axudas para a compra de libros de texto, estas son cada vez máis escasas e chegan a menor número de familias.

Por esta razón moitos de vós puxestes en marcha o Banco de Libros e outros nos preguntastes como facelo. Animámosvos a unirvos a este proxecto como iniciativa que implique a toda a Comunidade Educativa para levala a cabo, co obxectivo de que unha cantidade de libros poidan ser aproveitados polos nosos alumnos e alumnas e supoña un aforro para as familias.

Isto non significa que ante a Consellería de Educación non sigamos presionando para recuperar a gratuidade universal no ensino obrigatorio, como sempre o fixemos, e así o demostra o traballo de CONFAPA-GALICIA, presidida pola Federación Provincial de ANPAS da Coruña, que no ano 1998 promove en Galicia a Iniciativa Lexislativa Popular que levada ao Parlamento Galego é rexeitada polo Partido Popular e posteriormente, avalada por máis de 600.000 firmas de todas as Federacións e Confederacións do Estado, sométese á aprobación do Congreso dos Deputados sendo rexeitada polos votos en contra do PP, CIU e PNV, pero créase unha subcomisión para estudar a súa viabilidade. A ministra de Educación de entón, Pilar del Castillo, anuncia no ano 2000 que é “imposible” a gratuidade dos libros de texto.



A pesar de todo e froito das presións e do traballo da nosa Federación e Confederación, no ano 2003/04, Orde do 6 de xuño de 2003 (DOG 12/06/03) ponse en marcha de forma progresiva o Programa de Gratuidade dos Libros de Texto en Galicia, mediante o sistema de préstamo (a proposta da nosa organización, membro da Comisión de Seguimento que se creou aos efectos). A gratuidade para todos continuou de maneira ininterrompida até o curso 2008/09, sendo substituído polo sistema actual de axudas para a súa compra en función da renda.

Seguimos denunciando cada ano a redución orzamentaria das axudas, o limiar económico fixado pola Consellería, privando a moitos contribuíntes do dereito a solicitalas e pedimos reiteradamente a modificación do apartado que se refire á presentación da declaración da renda do exercicio anterior á solicitude, porque somos conscientes e sabedores dos cambios en moitas economías familiares, entendendo que se deben aplicar outras medidas para demostrar cal é a situación actual destas, ben a través do INEM ou dos Concellos, e tamén que se prorrogue o prazo de presentación das solicitudes, tras realizar as comprobacións mencionadas.

Para calquera aclaración ou axuda que necesitedes, e si estades pensando en por en marcha a reutilización  dos libros, iniciativa que consideramos moi positiva e compatible co obxetivo irrenunciable da gratuidade para todas as familias, estamos á vosa disposición nos contactos habituáis: 981 20 20 02  e  fedapascoruna@fedapascoruna.org.


Un saúdo cordial

Helena Gomez Vecino

Presidenta


A Coruña 21 de febreiro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario