A comunidade educativa de Bergondo mobilízase contra
o recorte de persoal de atención á diversidade e en E.
Primaria no CPI Cruz do Sar
A APA As Mariñas denuncia o desleixo institucional ante o
incremento das matrículas de alumnado con diversidade
funcional
A Consellería de Educación denegou a solicitude do centro dun
especialista en Pedagoxía Terapéutica, recorta a xornada do de
Audición e Linguaxe nunha alta porcentaxe de horas e
prescinde dun Mestre de Primaria.
Está convocada unha mobilización o vindeiro xoves diante da
sede do Concello.
O CPI Cruz de Sar de Bergondo acolle este curso a máis de 350 alumnas e
alumnos nas súas aulas, máis non poderá enfrontar con garantías as
necesidades educativas de máis de 30 destes nenos e nenas con diversidade
funcional por mor da denegación dun segundo especialista en Pedagoxía
Terapéutica e o recorte da xornada na especialidade de Audición e
Linguaxe nunha alta porcentaxe.
O centro educativo bergondés comunicou ao remate do pasado curso as
necesidades de dotación do persoal docente, en base ás previsións realizadas
segundo as matriculacións. A súa xustificación contiña as motivacións técnicas
para cada caso, fundamentadas en informes de profesionais especializados, e
valorados, nalgúns casos, polo Servizo Galego de Atención a Dependencia. A
resposta da Consellería non chegou ata a primeira semana de setembro,
denegando a incorporación dun segundo especialista en Pedagoxía Terapéutica.
Por outra banda e malia as peticións do equipo directivo e docente, a situación
do centro, lonxe de mellorar, empeorou pola decisión da Consellería de
Educación de reducir a dedicación do especialista en Audición e Linguaxe
no centro e prescindir dun Mestre de Primaria.
A Consellería fundamenta a súa decisión na dispoñibilidade de horas coas que
contan os docentes de Primaria pero a realidade é que as necesidades
específicas destas alumnas e alumnos con diversidade funcional non poden ser
atendidas deste xeito.
Por outra banda, estas decisións non só terán impacto nestes máis de 30 nenas
e nenos a quen se lles nega un profesor especialista. O recorte dun Mestre de
Primaria incrementará a carga de traballo do cadro docente actual, ao que
Educación pretende asignarlle tamén horas de reforzo para as necesidades
educativas especiais.
As nais e pais, reunidos en asemblea tras coñecer a resposta da Consellería,
rexeitaron esta decisión, que consideran arbitraria e que non responde a
fundamentos normativos. As familias lembran que esta decisión vulnera o
establecido no DECRETO 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a
atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade
Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei
orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. O texto do decreto recolle no seu
articulado a adopción de medidas extraordinarias e de atención á diversidade
para dar resposta a necesidades educativas específicas que deberán ser
aplicadas una vez esgotadas as de carácter ordinario ou resultar insuficientes.
A demanda das familias, canalizada a través da APA As Mariñas conta co apoio
da totalidade do equipo directivo e docente do CPI Cruz do Sar, así como de
todas las asociacións do concello mariñán. Pola súa banda, todos os grupos
políticos da corporación municipal amosaron a súa disposición para axudar a
resolver este problema, así como a súa asistencia á concentración convocada
pola asociación de nais e pais, que terá lugar o vindeiro xoves as 9:15 horas
diante do consistorio bergondés, coincidindo coa celebración do Consello
Escolar Municipal ao que asistirá a Inspección de Educación.
O acto de protesta encádrase no calendario de mobilizacións deseñado pola
APA e está aberto a todas as veciñas e veciños, plataformas cidadás e
institucións, e súmase a outras concentracións que xa tiveron lugar o pasado
xoves, o venres e o luns diante do centro educativo. Asemade, as familias
iniciaron una campaña de recollida de sinaturas para denunciar a situación de
desamparo institucional, que pon en risco de exclusión educativa a nenas e
nenos de Bergondo e non desbotan iniciar outras accións de non mudar as
institución a súa política de aplicación da norma.
Para obter máis información pode dirixirse aos seguintes contactos: 606 75 87
49. María José Ferreño (presidenta APA AS MARIÑAS)
No hay comentarios:
Publicar un comentario